Inspirándonos nalguhas casas africanas que vimos nos libros e en internet e para traballar o que é un poboado, decidimos facer, con material de refugallo, cartón de material informático, unha aldea africana.
Este é un vídeo no que se explican algúns tipos de construccións.
Como a textura que ten o cartón semella barro íamos deixalas así, máis
finalmente decidimos pintalas de cores, pois vimos unhas imaxes de
outras tribos africanas que decoraban as súas casas con formas
xeométricas ou ben, con cores.
Mentres pintabamos escoitamos algúns dos artistas musicais máis interesantes do continente africano, como Ismael Lo, Salif Keita ou Batuko Tabanka, un grupo de mulleres de Cabo Verde afincadas dende hai bastantes anos en Burela, mulleres de mariñeiros e que nos lembran tanto ás cantareiras galegas.
Acabo de decatarme de que hoxe, os iconos que acompañan as búsquedas de Youtube, están facendo campaña sobre un proxecto que amosa vídeos ou street view das Marabillas do Mundo e, si premes sobre os monumentos ou na ligazón do final, accederedes ó proxecto onde as podes ver.
Ademais acaban de incluír dentro do proxecto a Muralla de Lugo e a Catedral de Santiago anque supoño que igual tardan uns días en subilos para poder visitalos virtualmente.
Esta mañá estivemos transplantando unha serie de plantas aromáticas nas xardineiras que temos no patio. O obxectivo é que coñezas algúns dos seus nomes e usos ademais de alegrarnos a vista e o olfacto!
Tamén lles fixemos os correspondentes carteis nun documento de texto que logo imprimimos.
Polo de agora temos: albaca, romeu/romeiro, tomiño, tomiño limón, herba boa, menta, alfácema/lavanda, herba luisa e ourego.
Entre todos estes eventos pasados e os novos proxectos de fruturo, seguimos a coñecer diferentes tipos de vivendas do mundo e os continentes de onde son orixinarias. Hai moitos tipos: acuáticas, elevadas, de tea ou peles, de un ou moitos pisos e todas teñen diferentes usos, diferentes costumes ou distintos tipos de familias!
Como xa sabedes temos mestra nova de inglés; chámase Elena e é de Boiro, parece moi simpática.
Como tamén nos lembramos moito da teacher Ana, que escordou un pe o día da festa das Letras Galegas, en Larín, decidimos chamala e animala. Esperamos que se recupere pronto!
Onte tivemos un agasaio, o alumnado de E.S.O do C.P.I. de Atios (Valdoviño) déronnos unhas chapas que fixeron co seu profe de tecnoloxía Tucho. Moitas grazas!
Como xa comentei, onte estiveron connosco Sonia Iglesias máis a miña irmá Iria.
Os días anteriores á visita estivemos facendo unha selección de preguntas para facerlle: Onde naceu, onde viviu, que estudou, que traballos tivo, cal é a súa personaxe favorita, si lle pon nomes ós bonecos ou como era o seu traballo foron algunhas.
Sonia estudou no colexio Ponte dos Brozos e logo tamén na Coruña na escola de artes e oficios. Estivo traballando de varias cousas, como por exemplo restauración de esculturas relixiosas.
Logo, grazas a que estudou ourivesaría- xoiería e escultura, ademais de policromía, descubríu que podería ser moi interesante, xuntar estas aprendizaxes e facer as estructuras metálicas interiores dos bonecos que logo se animarán para facer as películas en stop motion.
Soldando con lume vai facendo os esqueletes que posteriormente se meten dentro das esculturas de silicona.
Entre moitas outras persoas que traballan para facer este tipo de películas, atópanse os animadores, que encargan de ir movendo estas articulacións e fotografando cada movemento para pasar as fotos a grande velocidade até que forme un vídeo.
Sonia contounos que en cada día de traballo so se lograba crear dous segundos de película, imaxinade canto tempo levará conseguir todo o filme!
Neste vídeo se pode ver como é o a técnica Stop Motion.
Aprobeitamos para contarlles e ensinarlles moitas das cousas que realizamos e aprendemos no Proxecto de Arte e até lle quixemos cantar a canción. Tamén as informamos dalgunhas novas sobre arte que fomos recollendo dos xornais.
Ensinámoslles algúns dos vídeos que tiñamos no blogue de stop motion e Sonia tamén nos amosou algúns dos que fixeron amigos seus, como por exemplo César Díaz, que debuxou As Tres Mellizas e tamén fixo este vídeo tan chulo con debuxos de area. A música tamén é do grupo que ten o artista.
Ou este outro, que é a animación máis pequena que do mundo, tal e como se pode comprobar ó final do vídeo.
Sonia tamén nos amosou algúns trailers das películas nas que participou.
Moitas grazas por compartir este tempo connosco e por contarnos tantas
cousas interesantes sobre esa técnica e eses oficios que nos resultan
tan interesantes!!
Esta tarde lín unha serie de artigos que me parece interesante compartir. Un fala sobre causas e consecuencias dos recortes e o outro, do sistema educativo dun dos países que teñen mellor educación como é Finlandia.
Deixovos unha recomendación para este sábado 26 ás 18:00 na Coruña. Esta obra infantil foi premiada como Mellor Proposta Dramática na Feira de Títeres de Lleida 2000 e Mellor
Espectáculo no Festival Internacional de Títeres de Praga 2004. É unha representación humorística sobre as relacións entre pais, nais e fillos.
Hoxe nos chegou esta actividade por parte do Concello, que era para alumnado de primaria pero finalmente se ampliou a infantil.
Como dí a circular, será o vindeiro domingo e consta de varias partes (3 horas)
1. Visionado dun filme
2. Actividades de comprensión do mesmo
3. Confección dun conto orixinal
4. Vídeo-matón onde se gravará ás participantes.
Parece moi interesante!! Hai que confirmalo durante a mañá de mañá venres.
Vai vir á escola Sonia Iglesias, unha arteixana que coñecemos a través da prensa xa no mes de xaneiro, cando andabamos a realizar o Proxecto de Arte. Sonia saiu no suplemento da Voz de Galicia, por ser unha artistista diferente, que realizou muñecos en Londres para un recoñecido director de cine, Tim Burton que fixo películas como Alicia no País das Marabillas ou Charlie e a Fábrica de Chocolate.
Comentanto a prensa do día de onte, voveu a xurdir o debate sobre a situación que está a vivir en educación, polo que na asamblea decidimos preparar eses carteis dos que levamos tempo falando, para que todas as persoas que pasen pola escola, poidan informarse e saber que está pasando.
Vimos que había alumnado noutras escolas que estaba colgando pancartas nas escolas e que os maiores e algunhas familias se quedaban nas escolas fóra do horario escolar para saír na prensa e comunicar que non queren que se empeore a educación.
Failles moita ilusión, xa que sinten que é algo que os implica directamente. Teñen motísimas iniciativas!
Fixemos unha choiva de ideas para ver que sabiamos e como poderiamos escribilas de forma sinxela, en poucas palabras e que recollera un pouco cal era a nosa opinión.
Ter tempo para falar, reflexionar, debatir e compartir opinións por sí mesmos, so se pode conseguir neste tipo de escolas e con aulas non masificadas.
Pensando as frases e
preparando os carteis
Colocamos os carteis no exterior da escola.
Hoxe Emma veu a clase con un cartel que fixo onte á tarde na casa e nos contou que tiña intención de poñelo na librería da súa familia e de facer máis fotocopias para que todas as persoas do seu barrio o poidesen ler.
Vimos de realizar a celebración das Letras Galegas 2012 na Escola de Larín.
Aínda non temos imaxes da estupenda representación que realizaronn simulando un programa mixto de radio, prensa e televisión.
Queriamos tamén dar as grazas por participar ás nais que nos leron o poema de Rosalía e felicitalas pola súa iniciativa. Aprobeitamos para animar ás demais familias a facelo noutras ocasións, que ó fin e ó cabo, estamos en familia!
Mentres tanto, aquí quedan algunhas das imaxes de parte do traballo que prepararon para este día, incluíndo as dúas xornadas de ensaio en Larín, xunto co alumnado de Rorís.
Preparando a selección das novas máis interesantes do ano
Estas son as cantigas-poemas que vos enviei a casa, por se non podiades ou non atopábades poemas de Rosalía. Se atopades outros máis axeitados ós vosos gustos, adiante!
Ben sei que son un bocadiño longos, pero así era o seu estilo. Coido que estes son dos máis breves.
Como dicía a nota, tamén pode ser bonito que as vosas nenas e nenos vos vexan cooperar e facer as cousas en grupo ou ben, recitar so un fragmento dos mesmos.
O premio por participar... os sorrisos dos vosos fillos!
Estivemos realizando un pequeno documento audiovisual que recolle algúns dos refráns relacionados co mundo do mar para ir preparando unha pequena parte da intervención da actuación en Larín.
Están xeniais!
Inaugúrase unha exposición sobre o xornal Galicia que fundou Valentín Paz Andrade e que foi un dos máis rupturistas e innovadores ó tempo que iniciaba o mundo do xornalismo da nosa Comunidade.
Xa imos tendo moitos refráns relacionados co mundo do mar e os oficios tradicionais para ir preparando as Letras Galegas. As da familia de Aixa e de Ainara foron as primeiras.
O grupo está moi interesados en averiguar que consello nos da cada refrán.
Hai que dar moitas grazas ás persoas máis maiores que nos rodean por crear e manter estes saberes populares e tentar recuperalos en transmitilos ás novas xeracións para que non se perdan!
Boas! como sei que moitas familias mirades o blogue, quería animarvos a participar nel, escribindo algún comentario, que logo contestaremos dende a escola. Failles moita ilusión.
É moi sinxelo, pódese explicar en 3 pasos:
* Debaixo de cada entrada do blogue aparece un apartado que di "comentarios". Hai que premer aí.
* Abrirase unha nova páxina como a que segue:
1. Escribide o voso comentario no recadro.
2. Pulsade anónimo ou o voso nome si estades subscritos.
3. Publicar
Deixo aquí un enlace de un blogue que contén poemas da obra de Rosalía de Castro para que poidades botarlles un ollo para o día da festa. Tamén podedes ver os vídeos dos poemas musicados. Sería interesante que comunicárades cal ides ler para tentar non coincidir.
Premede sobre o poema para acceder ó resto da súa obra.
O domingo foi a festa do aniversario de Laura fora da escola pero na clase tamén quixemos felicitala por cumplir xa 7 anos. Trouxonos un biscoito boísimo que nos explicou Yolanda que estaba feito na cociña de leña da casa. Até algún que nunca proba este tipo de doces, decidiu comelo!
Parabéns Laura!!